27/04/2024

Normas

X OPEN DE ANDAINAS DE REGULARIDADE 25KM

PROGRAMACIÓN

CLASIFICACIÓNS – RANKING

 

PREZOS

O prezo das inscricións en 2024 será o seguinte:

Federados FGM e/ou FEDME:  12 €
Resto de participantes:            15 €

Poderán participar menores de idade a partir dos 14 anos e sempre que tamén participe e os acompañe a súa nai, pai ou titor legal.

O sistema de inscricións será a través de web con pago mediante tarxeta de bancaria, pechándose a inscrición ás 23:00 horas do martes inmediatamente anterior á proba. Non se poderá pagar na proba.

En ningún caso serán devoltos os importes cobrados das inscricións.

En ningún caso os importes pagados para unha proba poden destinarse á inscrición noutra proba.

 

ACTIVIDADE

O obxectivo é premiar ós deportistas que manteñan unha velocidade de marcha máis regular e que realicen as marchas dentro do tempo límite. Nestas probas non está permitido correr.

Consiste en marchas de distancia fixa de 25 km, con controis intermedios cada 6,25 km aproximadamente, limitadas mediante un tempo máximo e mínimo, de trazado circular, abertas tanto a montañeiros federados coma a deportistas populares co seguro deportivo legalmente establecido.

A distancia de referencia será 25 km pero, eventualmente, pola dificultade técnica de pechar un percorrido no entorno natural nunha distancia exacta, as andainas poderán ter unha lonxitude real inferior ou superior aos 25 km sen exceder os seguintes límites: 2 km de diferencia por defecto (mínimo 23 km) e 1 km de diferencia por exceso (máximo 26 km).

Antes do inicio do ano ou a primeiros de xaneiro será establecido o calendario de probas anual. A Copa de Andainas de 25 km constará dun mínimo de 3 probas e un máximo de 8, celebrándose dentro do ano natural.

Poderán participar deportistas con 14 ou máis anos, pero os menores de 18 deberán ir sempre acompañados en todo momento polos seus titores, sendo estes os únicos responsables dos menores. As organizacións non se farán responsables de ningún menor.

Cada participante recibirá a súa puntuación por proba. Só contarán para a puntuación as probas rematadas entre o tempo mínimo e o máximo de clasificación, na que o participante teña pasado por tódolos puntos de control e non fose descualificado en ningún punto do percorrido.

Os eventos poden ter outras probas de menor distancia, pero non computarán para esta competición.

Non está permitido o acompañamento de ningún animal na marcha, agás os cadelos guía para participantes invidentes.

 

ORGANIZACIÓN

Os Organizadores serán clubs, asociacións, ou outras entidades públicas. Aportarán os trazados e os voluntarios precisos para realizar cadansúa proba. Nomearán un Representante do Club (preferiblemente o seu Presidente), que será o interlocutor coa Coordinación.

A páxina web da competición, os prezos de participación e o sistema de inscricións, son acordados conxuntamente e coordinados entre os Organizadores, e delegada a súa xestión ó Coordinador Xeral ou persoas nomeadas polos organizadores. Os trazados, datas de celebración, puntos de inicio, servizos, seguros deportivos, premios e trofeos de cada proba serán por conta de cada Organizador.

SAÍDA, CONTROIS INTERMEDIOS E CONTROL FINAL

As probas serán realizadas os domingos. Non está permitido correr.

O horario de inicio será entre as 08:30 e as 9:30h a.m. (fiestra de saída).

A saída será sempre en liña, salvo que por fundados motivos de organización sexa preciso realizala por bloques ou quendas.

O tempo mínimo para realizar os 25 km será de 4 horas (6,25 km/h)

O tempo máximo será de 6 horas (4,2 km/h).

Haberá control de tempos. Os deportistas que cheguen antes de 4 horas ou sobrepasen as 6 horas serán considerados descualificados.

Os tres (3) controis de paso intermedios estarán distribuídos cada 6,25 km aproximadamente, sen que este requisito sexa inamovible. En función da distancia e das velocidades máxima e mínima permitidas estableceranse fiestras temporais de apertura e peche de cada control. Poderán existir controis sorpresa. A situación dos controis de paso non será revelada polos Organizadores en ningún momento previo nin durante a celebración do evento.

Os deportistas que cheguen antes da hora de apertura ou despois da hora de peche a calquera control quedarán descualificados e perderán o dereito a puntuar nesa proba.

O control final, en función da distancia real da proba, abrirá aproximadamente ás 12:30h e pechará ás 15:30h.

No control final tódolos deportistas que estean clasificados nas probas oficiais de 25 km recibirán un diploma co seu nome.

Aqueles deportistas que desexen abandonar a proba deberán achegarse ata un control e notificar o seu abandono. Non teñen dereito ao diploma.

 

PREMIOS

 

PREMIOS POR PROBA

Haberá premios por proba.

PREMIOS DA COPA

Haberá premios por OPEN.

 

REQUISITOS PARA ORGANIZADORES

Os clubs organizadores e as asociacións aportarán os trazados dos percorridos e os voluntarios precisos para realizar a proba. Nomeará un Representante do Club, que será o interlocutor co Coordinador.
Os voluntarios e o representante do club deben aceptar as ordes do Coordinador.
O lugar de inicio destas marchas deberá estar nun lugar accesible e dotado das infraestruturas necesarias. Será obrigatorio que haxa un lugar próximo de vestiarios, con duchas e retretes.
Os trazados estarán sinalizados mediante elementos fixos (por exemplo cando coincidan con sendeiros PR-G ou GR) ou elementos móbiles (por exemplo con fitas plásticas). Neste último caso a organización estará obrigada a limpar todo o percorrido unha vez finalizada a proba.
Os puntos de acreditación e inicio deberán estar convenientemente sinalizados, preferiblemente con bandeirolas e arcos de meta.
No inicio deberá haber un sistema de control e entrega de dorsais.
Nos puntos de control haberá un sistema informático de cronometraxe. Debe haber un sistema de comunicación. Os avituallamentos poden estar nos puntos de control ou noutros lugares e deberán ter avituallamentos líquidos e tamén pode haber avituallamento sólido.
Deberán estar convenientemente sinalizados, preferiblemente con bandeirolas e outras estruturas. Será obrigatorio o avituallamento líquido nos controis 1, 2 e 3. No control final ten que haber avituallamento líquido no lugar mediante cantina ou, de non existir cantina, posto pola organización de forma gratuíta. OS PARTICIPANTES DEBERÁN LEVAR O SEU VASO PROPIO.
Será obrigatorio o avituallamento sólido no control 2 e no control final.
Os avituallamentos líquidos serán en vaso ou a granel, polo que cada participante deberá levar unha cantimplora ou similar para poder encher nos controis. Esta medida está pensada para evitar contaminación con residuos de bebidas e por protocolos Covid. Recoméndase facer o mesmo coa comida.
No control final deberá haber un sistema de comunicación. Deberá estar convenientemente sinalizado, preferiblemente con bandeirolas e un arco de meta ou outras estruturas.
O control final disporá do material necesario para controlar o remate de cada deportista.