O Club Atletismo Rúa suspende a proba en sinal de loito e respecto polo monte calcinado
O Club Atletismo Rúa vén de anunciar a cancelación da II Andaina Serra do Cereixido, que se ía celebrar o próximo 5 de outubro nos montes da Rúa e Vilamartín de Valdeorras. A decisión tómase como consecuencia directa dos devastadores incendios que asolaron a zona dende o pasado 15 de agosto, consumindo unha parte significativa da paisaxe natural por onde transcorría a proba.
A organización expresou a súa profunda tristeza ante esta decisión, afirmando que non ven posible celebrar un evento deportivo nunha contorna que «perdeu a súa vida e a súa esencia». O lume, que deixou unha paisaxe calcinada e ferida, levou ó club a unha difícil pero necesaria reflexión.
«Decidir suspender a proba foi moi difícil, pero non podemos celebrar unha carreira nun monte que hoxe chora», sinalan dende o club. A traxedia é vista como moito maior para os veciños, as familias e o ecosistema afectado, e a cancelación da andaina é un acto de respecto e solidariedade coa zona.
O club fai un chamamento á solidariedade, ao coidado do territorio e á reflexión colectiva, especialmente nestes días de loito para Valdeorras. A proba, orixinalmente pensada para celebrar a montaña, non pode agora ignorar o seu sufrimento. En consecuencia, queda aprazada un ano, na espera de que a Natureza, «que tanto amamos foi brutalmente golpeada», poida iniciar a súa recuperación.
Ver tamén Noticia publicada en O Sil – https://osil.info/suspendese-a-ii-andaina-serra-do-cereixido-que-se-ia-celebrar-o-5-de-outubro-nos-montes-da-rua-e-vilamartin-agora-queimados/