Premios para os 3 clubs da Liga Galega de Andainas máis participativos.
A Federación Galega de Montañismo prepárase para a súa gran cita anual: a Gala do Montañismo Galego 2026, que terá lugar o vindeiro 6 de febreiro na vila de Chantada.
Este evento constitúe o máximo expoñente do recoñecemento ao traballo estrutural que sostén o noso deporte. Nesta edición, a Gala centrarase en poñer en valor o piar organizativo da Liga Galega de Andainas, rendendo homenaxe a:
- Os 3 Clubs Galegos con maior volume de participación dentro da Liga.
- Máis dunha ducia de Concellos galegos, cuxa colaboración anual é imprescindible para que a Liga Galega de Andainas siga a ser un referente de calidade tanto en Galicia como no resto de España.
É importante sinalar que, nesta ocasión, a Gala de Chantada non incluirá a entrega de premios individuais da Liga 2025.
A Federación considera que a Liga Galega de Andainas ten tanto peso na dinamización do deporte da montaña que merece un trato especialmente importante. Por iso, os recoñecementos aos andaríns e andarinas serán protagonistas nun exclusivo, excepcional e magnífico evento que se celebrará o 14 de febreiro de 2026 no Concello de Brión.
A Gala de Chantada reafírmase, polo tanto, como o principal punto de unión para a familia montañeira, un espazo para agradecer o esforzo de institucións e entidades que fan posible o noso calendario de 25, 50 e 100 km.